Como discernir se unha información é veraz na Rede

Claves para interactuar de xeito correcto na Rede. A Netiqueta.

Internet é un medio de comunicación onde persoas de todas as condicións
poden expresarse libremente e publicar de cara ao resto do mundo as súas
opinións, pensamentos ou coñecementos. Sen embargo, non todo o que
atopamos na Rede é certo, polo que debemos andar con ollo á hora de dar
creto á información que obtemos nela.


     1. Tipos de Medios na Internet

Na Rede podemos atopar distintos tipos de páxinas web, que van dende as bitáculas persoais ou blogs, até webs institucionais de universidades, organismos, etc. É a nosa obriga como usuarios responsables diferenciar unhas doutras e decatarnos de que o tipo de contidos que hai nelas poden non ter a mesma credibilidade.

Ao ser un medio de libre acceso e publicación, cada quen ten a capacidade de escribir e poñer na Internet o que quere. Iso é unha vantaxe, xa que a converte no meirande compendio de información humana dende que existimos como especie.

Ao mesmo tempo, moita desa información é pensamento subxectivo, crenzas (non sempre atinadas), ideoloxía... o que nos obriga a poñer unha barreira de antemán a todo o que lemos, polo menos até poder contrastar as fontes que indican a procedencia e veracidade de cada contido.

Podemos facer que a tarefa sexa máis sinxela baseando a nosa credibilidade unicamente no medio que publica a información, se ben iso tampouco é totalmente óptimo, xa que podería dar lugar a que tomemos por certa información mal intencionada ou ben que rexeitemos outra que si se achega á realidade. Sexa como for, esta sinxela técnica pódenos servir como base, partindo de que tanto en webs de organismos oficiais, de prensa consolidada ou de medios online de prestixio os contidos teñen máis opcións de ser correctos que en blogs, foros, correos electrónicos ou redes Sociais.

Inicio


     2. Medios oficiais. Organismos. Prensa. Enciclopedias

Como sinalábamos no punto anterior, podemos partir da base de que os medios oficiais terán contidos veraces e próximos á realidade. Así, podemos como regra xeral tomalos como certos e utilizalos nas nosas procuras, argumentacións ou calquera outra tarefa que desexemos realizar.

Sen embargo, esta postura implica o risco de prescindir do espírito crítico e adoitar como Verdade, con maiúsculas, calquera información que proveña dun medio oficial, o que non debería ser, xa que lles confire unha autoridade demasiado grande.

Por outra banda, a mesma argumentación nos podería valer para páxinas de Organizacións, tanto nacionais como internacionais, ou tamén ONG’s, webs corporativas de empresa (tendo en conta neste caso que unha empresa busca vender o seu produto ou servizo), etc.

Dentro desta categoría, debemos ter coidado coa ideoloxía de fondo que ten a Organización en concreto, xa que vai determinar o sesgo do contido que publique (Organizacións católicas, ecoloxistas, pacifistas... non van tratar o mesmo tema dende o mesmo punto de partida e darán como verdade absoluta cousas que non son máis que verdades parciais, ou ao mellor, non son nin verdade).

Mención aparte deberiamos facer, dentro dos medios pertencentes a Organismos, ás webs das Universidades, xa que por regra xeral a información que conteñen é certa e publícase, de feito, para que sexa utilizada como referencia.

No caso dos medios de Prensa, o camiño a seguir é o mesmo que na vida real, é dicir, cada un ten e defende unha ideoloxía, polo que usa a mesma como prisma para ver a realidade e contar ás cousas ao seu xeito. Se temos iso en conta e asumimos que ningún deles ten a Verdade absoluta, podemos informarnos do que acontece mediante o que nos sexa máis afín, tamén pola Rede.

Finalmente, réstanos falar das enciclopedias online. Dentro destas hai que distinguir dous tipos de páxinas, as que teñen contido pechado e as suxeitas á participación dos usuarios (Wiki). No caso das primeiras, aínda que se supón que deben ser medios de referencia, deberiamos ter en conta as advertencias expostas anteriormente sobre a tendencia ideolóxica que poida ter detrás, se ben por regra xeral podemos utilizalas como fonte fiable.

No caso das enciclopedias Wiki, ao ter contidos incorporados por usuarios anónimos (para nós) de xeito aberto, a información que nos brinda é, cando menos, cuestionable (cando non directamente errada). A chamada “intelixencia global” pode ser útil a grandes trazos, mais tamén se pode converter en “mediocridade global” e conter imprecisións ou, directamente, erros graves de veracidade. Por iso, o uso destas “Wikipedias”, se ben é aconsellable, debe ser levado a cabo con precaución e, sempre, contrastando a información que se obtén con outros medios, para comprobar a súa fiabilidade.

Inicio


     3. Blogs de referencia. Medios da Internet.

Fóra dos medios oficiais ou de comunicación tradicional, dentro da propia Internet contamos con fontes de información con millóns de lectores diarios e que teñen tanto ou máis peso que os primeiros.

Estes medios e blogs, por seguiren a estrutura das bitáculas (en grande parte dos casos), teñen unha dificultade engadida á hora de identificalos e recoñecelos como fonte de información certa.

En calquera caso, a meirande parte dos grandes medios propios da Internet posúen unha credibilidade alta, superior incluso a servizos de prensa e a algunha páxina oficial, chegando, en ocasións, a seren os primeiros en ofrecer unha noticia e servindo de fonte para o resto de informantes.


De todos os xeitos, a súa propia natureza de medio orixinario da Internet fai que distinguilo sexa complicado. Neste caso o único método fiable, ademais da relevancia “social” e da contrastación das novas (o que non sempre é posible) que publican, é o sentido común.


Por outra banda, debemos falar tamén, para rematar este punto, dos coñecidos como “Confidenciais”. Medios independentes, levados nalgún caso por xornalistas, que basean as súas novas en rumores ou informacións non contrastadas. Sobre eles, comentar que se ben de cando en vez atinan (e non todos), na maior parte dos casos os seus contidos deben tomarse con moita cautela, cando non seren rexeitados como mentiras, directamente.

 
Inicio


     4. Blogs persoais. Foros. Correo electrónico. HOAX

Doutra banda, fóra dos medios fiables, contamos con distintas fontes de información nas que a nosa atención debe estar alerta.

Os máis estendidos e coñecidos son os blogs. Estas páxinas persoais contan, polo xeral, cunha temática determinada que fai que o que publican poida ter visos de veracidade, non sendo sempre así. Por iso, toda a información que obteñamos destas fontes debe ser contrastada usando medios externos, tanto online coma offline, co obxectivo de procurarnos unha idea axeitada do fiable que poden ser os contidos que publican. 

Outros medios de obter novas poden ser os foros. Estes, salvo en casos moi puntuais, non conteñen información axeitada para ter en conta como veraz sen pasar por unha investigación alternativa, polo que sempre debemos procurarnos fontes fiables que corroboren o que neles se publica.

Do mesmo xeito, os grupos de novas e a información recibida por correo electrónico debe seguir o mesmo patrón e ser sempre revisada polo miúdo, comparándoa cando sexa posible con outra sobre a mesma temática obtida en medios contrastados.

Como regra xeral, debemos dar por feito que a información que proveña de calquera destas fontes non é certa; polo menos non sen que apareza tamén en fontes alternativas fiables

Para rematar, debemos facer referencia tamén a un tipo específico de correo electrónico chamado HOAX. Un HOAX é, na súa orixe, unha lenda urbana que circula pola Internet e que, se ben é mentira, achégase bastante a algo potencialmente real, polo que cabe a posibilidade de confundilo. Por norma xeral, toda información que proveña dun correo masivo é falsa, de xeito que debemos andar con coidado con eles. 

Inicio


     5. Timos e estafas

Ademais da información xeral, Internet tamén contén servizos que utilizamos de forma cotiá. Un deles, polos beneficios que pode aportar, é especialmente atractivo para ser usado como engano ao usuario: o servizo de banca

Hoxe en día hai miles de intentos diarios de enganar os internautas facéndose pasar por entidades bancarias e reclamando información privada que garanta ao estafador o acceso á conta de cliente dun particular. A isto chámaselle Pishing.

Debemos ter en conta que ningún banco nos vai pedir que lle demos os nosos datos. Xa os teñen e, en calquera caso, non os solicitarían por Internet. Así que nunca, absolutamente nunca, debemos crer a un correo que nos pida unha confirmación de usuario e contrasinal por parte dun banco.

Asemade, as entidades bancarias non adoitan remitir correos fóra do que son confirmacións de pago, e estas polo xeral non implican ligazóns que nos fagan entrar na nosa conta. Por iso, debemos rexeitar todo correo electrónico que non sexa solicitado por nós, malia que a dirección que figure semelle ser a da entidade bancaria, xa que ese tipo de datos pódese falsear.

Por último, aínda que non é sinal de que esteamos libres de estafa, as webs dos bancos adoitan contar cun certificado de seguridade que fai que os datos sexan cifrados. Podemos identificar esta situación fixándonos na dirección web, que nestes casos leva un “s” final no http, sendo, logo, https máis o resto da URL. 

Ademais, na zona inferior dereita dalgúns navegadores (ou na propia barra de direccións), aparecerá un candadiño cando esteamos nun sitio seguro, polo que debemos fixarnos sempre que sexa posible (isto tamén é así para realizar operacións de comercio electrónico, é dicir, para mercar por Internet; se ben os sitios seguros levan directamente a unha plataforma do propio banco).

Inicio


     6. Contrastando a información. Conclusión

Exposto todo o anterior, debemos agora facer un alto no camiño e dedicar o derradeiro punto deste tema a salientar algunha das mellores maneiras para contrastar a información que obtemos da Internet e, así, poder utilizala para o noso traballo, como fonte de coñecemento, etc. 

O mellor dos métodos é, sempre, acudir ás fontes orixinais. Se algún blog ou páxina fai referencia ao que di un ou outro autor, non hai mellor xeito de confirmar que é certo que tomando un libro do mesmo e comprobando que en efecto así o afirma. De todos os xeitos como isto non sempre é posible o seguinte paso é acudir a fontes contrastadas que traten o tema.

Neste sentido, ese mecanismo tamén nos vale para temas xerais, de forma que se pensamos que algo da información que lemos na Rede pode non ser certa, o mellor é achegarse a libros especializados ou páxinas web de Universidades onde se traten temas semellantes. 

Non debemos aforrar esforzos en procurar información en varias fontes. Un dos aspectos máis positivos que ten Internet é que nos permite realizar buscas rápidas e chegar a multitude de sitios en moi pouco tempo. 

Dedicarlle uns minutos a comprobar que unha afirmación concreta é certa pódenos aforrar moitos desgustos, así como problemas derivados do uso de información falsa.

Inicio

 



Porque non podemos dar por suposto que todo o que se publica é certo.

Porque algunhas páxinas poñen información falsa a propósito, para enganar á xente.

Non hai por que facelo, se a información está aí é por algo, a xente non perde o tempo publicando mentiras.

Non sempre. Só hai que facelo cando imos usar esa información para traballos.


 
Inicio