Sabías que...

...hai HOAX que levan máis de dez anos circulando e hai xente que aínda coida que son certos?
Os HOAX son correos electrónicos masivos con información falsa, mais que garda certo grao de verosimilitude, é dicir, que semella que podería ser certa. Algún deles, como “o que di que Hotmail vai pechar se non hai un número determinado de usuarios que reenvíen o mesmo correo en cuestión de minutos”, levan circulando pola Internet dende vai dez anos, e sempre hai alguén que o cre e os reenvía a todos os seus contactos.

O obxectivo do HOAX, polo xeral, é recompilar direccións de correo electrónico para facer envíos masivos de SPAM, aproveitando que o reenvío que se fai ten as contas dos usuarios en copia aberta, isto é, visibles para calquera. É a nosa obriga como persoas responsables non dar creto a este tipo de mensaxes e cortar a cadea, evitando mandarllos ás persoas da nosa axenda.