Xestionar a nosa identidade dixital

Fundamentos da imaxe propia na Rede. O perfil na Internet.

Internet permite unha comunicación complexa entre persoas, que vai dende a conversa un a un (chat e mensaxería) até a publicación de información para unha audiencia (blogs) ou a conversa múltiple (redes sociais), o que nos obriga a prestarlle atención á imaxe coa que contamos na Rede e á información que compartimos nela.


    1. A importancia da identidade na Internet

A Rede permítenos interactuar con outras persoas de forma remota, sen necesidade de estar ao seu carón para transmitirlles os nosos pensamentos ou sentimentos. Esa interrelación implica tamén confianza e recoñecemento, polo que nos vemos obrigados a seguir unha serie de pautas para optimizar a nosa aceptación e participación no medio.

Hai que distinguir, aínda que o faremos máis polo miúdo en apartados posteriores, entre distintos elementos vencellados á nosa identidade na Internet e que aglutinan a meirande parte do que será a nosa imaxe persoal na Rede: o nick e o perfil.


Inicio


 2. E ti de quen ves sendo? O Nick, o noso nome

Antía, Xosé, Breixo, Iria, Xurxo… na vida real cada quen ten o seu nome e recoñecemos a xente coa que tratamos por el. Na Internet, con pequenas diferenzas que logo explicaremos, pasa o mesmo. Ao noso nome na Rede chámaselle Nick

Na vida real, cando dúas persoas se chaman igual, servímonos doutras técnicas para poder distinguilas. A máis obvia, a faciana, se os temos diante. Outras son os apelidos, os alcumes ou algunha característica física característica. Na Internet, ao faltarnos o recoñecemento físico, buscamos alternativas que nos diferencien, polo que limitamos a posibilidade de repetición dun mesmo nome, de xeito que cada un conte co seu e ningunha outra persoa o poida utilizar.


Un Nick, ademais, soe ir vencellado a unha imaxe representativa do usuario que o utiliza, para reforzar a identidade dixital, chamada Avatar. Esta imaxe pode ser o máis próxima ao real que queiramos, de xeito que podemos usar dende unha fotografía propia (para entornas de traballo ou Redes Sociais, por exemplo), até unha imaxe calquera que nos guste ou nos represente.



Xa que logo, usamos o Nick como representación directa de quen somos, como ferramenta para recoñecer a outros usuarios e que eles saiban de nós e, en resumo, como parte fundamental da nosa identidade na Rede, polo que debemos procurar que dito alcume sexa claro, sinxelo e fácil de lembrar.

Asemade, debemos ter tino ao expresar as nosas opinións dende un Nick determinado, xa que calquera que lea o que escribimos vencellará esa liña de pensamento e de expresión ao noso nome e relacionarase (ou non) con nós tendo en conta a impresión que lle causamos cos contidos que publicamos mediante ese alcume.

Compre dicir, para rematar este punto, que se ben a Internet nos permite funcionar con distintos Nicks no mesmo sitio (multicontas), a nivel social non está ben visto, xa que se interpreta como unha tentativa de enganar á comunidade, polo que se recomenda evitar dita forma de proceder.

Inicio


3. O Perfil social: Que é e como se protexe

A información persoal permanente que publicamos na Internet e vai máis alá dun simple nick coñécese como Perfil. Nese Perfil, en función do servizo web onde nos atopemos, deberemos incorporar máis ou menos datos, indo dende un simple resumo de quen somos, como nos blogs, ata un completo conxunto de contidos ligados a nós, como no caso das Redes Sociais.

O Perfil é, polo tanto, unha ferramenta absolutamente imprescindible na Internet de hoxe en día, xa que resume o que somos na Rede e permite aos demais coñecernos.

Sendo así, compre que teñamos precaución e vixiemos o que amosamos e a quen llo amosamos. Ao igual que na vida real non lle contamos todo sobre nós a calquera, na Internet debe suceder o mesmo e debemos ter conta de con quen tratamos e a quen autorizamos o acceso ao noso Perfil.

Do mesmo xeito, a precaución esténdese aos demais usuarios cos que interactuamos, xa que nun mundo virtual a información non sempre é real e non todos son o que semellan ser, polo que debemos buscar mecanismos que nos permitan asegurarnos de que tratamos con quen queremos tratar, e non con alguén que se fai pasar por outro (ou polo que non é).

Por outra banda, un Perfil recolle unha serie de datos sensibles que deben ser publicados con precaución, xa que por unhas circunstancias ou por outras poderían utilizarse para levar a cabo accións non desexadas (dende o envío de publicidade á suplantación de identidade, por poñer dous extremos).

Ler e coñecer os termos de uso de calquera web na que nos rexistremos é fundamental para garantir a nosa privacidade e saber o que se fai cos nosos datos persoais, polo que se recomenda, sempre, revisalos antes de aceptar o rexistro.

Ademais, segundo a lexislación vixente de protección de datos de carácter persoal (LOPD), temos dereito a interpoñer unha solicitude a calquera provedor para informarnos sobre o que de nós almacenan ou ben para que eliminen calquera rexistro sobre a nosa persoa da súas bases de datos.

Finalmente, debemos ter en conta que, cada vez máis, os servizos web e as Redes Sociais nos brindan ferramentas para administrar a privacidade dos nosos datos e do noso Perfil, de xeito que poidamos determinar, persoa a persoa incluso, quen pode acceder a unha información determinada. É a nosa obriga, como usuarios responsables da Internet, aproveitar esas utilidades e protexer a nosa identidade dixital nas Redes Sociais e no resto da Rede.


Inicio


 4. Quen é quen na Internet. O anonimato na Rede

Como sinalábamos no punto anterior, a Internet permite un certo grao de anonimato que produce unha falsa sensación de seguridade. Isto é así, ademais, para ambas partes. É dicir, que tanto o que minte pensa que a súa identidade real está segura, como o que o lee pensa que trata con alguén en concreto, o que realmente non é así.

Dependendo do entorno no que naveguemos, esixirase de nós unha correspondencia máis ou menos achegada á personalidade real. Nun grupo de traballo, por exemplo, espérase de nós que sexamos o mesmo que somos no mundo fóra da Internet, mentres que nun xogo ou nun entorno de fantasía poderemos achegarmos máis a unha personalidade inventada.

De calquera xeito, na meirande parte dos casos darase unha confluencia entre ambos extremos, producíndose a nosa interacción cos demais usuarios dende un Rol no que combinaremos partes reais da nosa personalidade con outras ficticias (ou non totalmente acordes coa persoa que somos fóra da Internet).

Tendo en conta iso, debemos aceptar tamén que o resto de persoas coas que nos relacionamos online han facer o mesmo (en maior ou menor grao), polo que é necesario andar con tino nas nosas relacións sociais pola Rede.

Sexa como for, hai que ter en conta sempre que o anonimato absoluto non existe. Na Internet todos os procesos son rexistrados e queda constancia de cada pegada que deixamos nos distintos servizos que utilizamos. A dirección IP (a matrícula do noso ordenador, por entendernos) e outros datos son almacenados, clasificados e postos a disposición de provedores descoñecidos.

Xa que logo, calquera cousa que fagamos na Rede pode ser rastrexada até dar con nós e identificarnos, o que limita considerablemente, a efectos prácticos, o anonimato do que se facía mención, sendo este máis imaxinario que real.




  5. O Rol na Internet. Niveis de conciencia e control

Tanto na vida real como na Rede, os individuos contan cunha identidade múltiple que se adapta a cada circunstancia e permite diferentes comportamentos segundo cada situación. O papel que cada persoa desempeña nun entorno concreto chámase Rol e funciona de xeito similar ao dun actor nunha obra de teatro, na que leva a cabo unha representación sobre un guión.

Na Internet o Rol está tamén marcado, de xeito que o noso comportamento e papel cambia segundo o entorno no que esteamos. Asemade, como na vida real, este Rol ven da man dun Status dado polo resto de persoas coas que nos relacionamos.

Ao igual que como fóra da Rede desempeñamos distintos papeis (fillo, amigo, traballador, xefe, capitán dunha equipa, etc.), na Internet sucede o mesmo, sendo distintos os comportamentos que levamos a cabo en función de con quen esteamos a tratar (e-mail de traballo, muro de Facebook, messenger coa parella, foro de cociña, etc.).

Sendo conscientes de que o noso comportamento ven condicionado polo entorno, temos a capacidade de marcar de xeito máis efectivo a nosa identidade dixital e controlar os Roles que adoitamos para cada caso.

A Rede ten a capacidade de potenciar as múltiples identidades coas que abríamos este punto, xa que focaliza e separa de xeito moi claro as diferentes entornas. A suma de todos os Roles que representamos na Internet completa o noso perfil real, é dicir, a nosa personalidade ou identidade.

A toma de conciencia da Internet como un medio máis no que expresar o que somos e sentimos, o que pensamos e desexamos, é o mecanismo de control máis efectivo sobre a nosa identidade virtual e o que queremos que esta sexa.

Coidar da imaxe que trasladamos aos demais, adecuar o noso comportamento ao entorno no que estamos e representar o Rol axeitado en cada momento é a clave para desenvolverse na Rede de forma correcta e de, co tempo, acadar un recoñecemento por parte do resto de persoas coas que nos relacionamos pola Internet.

Inicio


     6. Resumo

A semellanza da vida real, Internet obríganos a representar diferentes papeis segundo o entorno e as persoas coas que nos relacionamos. Estes Roles determinan, en conxunto, a nosa Identidade Dixital.

Dita identidade reflíctese en distintos elementos que brindan os servizos web onde participamos, permitíndonos ofrecer información sobre nós ao resto de usuarios cos que interactuamos. Cando o servizo web nos permite incorporar datos sobre nós que vaian máis alá dun nome ou Nick e un Avatar falamos de que contamos cun Perfil na Internet.

Sen embargo, os datos que introducimos nos nosos Perfiles teñen que ser protexidos das miradas alleas non desexadas, polo que compre ter sempre en conta aprivacidade sobre todo nas Redes Sociais.


Inicio

 



Non. A Internet é un gran patio de veciños onde todos rematamos coñecendo a todos se nos movemos sempre nos mesmos sitios.

Si. Se non digo quen son e mudo o estilo de escritura, ninguén pode saber que son eu facéndome pasar por outro.

Si. Usando a modalidade de navegación oculta do Chrome ninguén sabe o que fas na Rede.

Non. Calquera cousa que se fai en Internet deixa un rastro que se pode seguir até identificar a calquera.


 
Inicio