A Internet na vida das nosas fillas e dos nosos fillos

Os nosos fillos e as nosas fillas forman parte da Xeración Interactiva, caracterizada por unha maior interactividade entre o home e a tecnoloxía ou entre os propios seres humanos grazas a ela. Isto confírelles unhas características algo peculiares que convén coñecer.
Exemplo de lectura dixital


Pola súa repercusión mediática, quizá foi Tapscott quen, ao final do pasado século, deu o pistoletazo de saída ás obras que reflexionaban sobre a relación dos nenos e mozos cos medios dixitais, cando publicou "Growing Up Dixital: The Rise of the Net Generation".

No ano 2001 Mark Prensky publicou un artigo "Digital Natives, Digital Inmigrants" que alcanzou grande popularidade e servíu para que terceiros autores se interesasen pola educación dixital. A partir das ideas de Prensky e as achegas doutros autores como Salomon, Greenfield ou Gros é posible definir unhas cantas características da Xeración Interactiva, para comprender o xeito en que, da man da tecnoloxía, os seres humanos están a modificar os seus hábitos de comunicarse, estudar ou incluso relacionarse.

Rescatamos en E-ducando un interesante video publicado no portal web Infonomia titulado "A Gamer Generation no mundo laboral" do que rescatamos unha serie de tendencias comúns a estas xeracións interactivas:

  • Os nosos fillos e fillas teñen unha gran facilidade para procesar información rapidamente. Reciben moita información e adquírena por moitas canles distintas. A selección tanto da información como da canle responde a un impulso moi rápido. Isto provoca que non sempre é pensado nin implica unha reflexión posterior sobre a lectura. En relación con este punto recoméndamosvos a lectura da pílula de coñecemento "A veracidade da información na Internet"
  • As novas xeracións interactivas necesitan recibir unha recompensa inmediata en lugar de gratificacións que se materializarán a medio ou longo prazo. Precisan saber para que lles serve o que van realizar no mesmo instante no que se propoñen facelo.
  • Presentan unha atención máis diversificada sendo capaces de realizaren varias tarefas á vez de xeito simultáneo. Seguro que en moitas ocasións nos sorprendemos da "capacidade" que presentan para estar escoitando música, estudando e chateando cos seus compañeiros de aula.
  • A imaxe é o elemento clave na comprensión da información. Presentan unha intelixencia visual moi desenvolvida e os textos serven de apoio ás imaxes e non ao revés. As xeracións interactivas non están habituadas a unha lectura pausada dun texto.

Certamente as pautas de comportamento dos mozos e das mozas están a cambiar a capacidade de asimilación e reflexión sobre a información. Quizais é o momento de definir unhas normas para a lectura e comprensión da información na Rede?